Fonte de cano que consiste nun muro semicircular de cemento revestido con pedra, con dous canos de ferro, e unha pía rectangular de pedra, situada baixo o nivel da terra. No remate ten unha placa onde se pode ler: "2000 / CONCELLO DE / ARZUA".
Partindo da casa consistorial, collemos a primeira rúa a man esquerda cara Corredoiras (Rúa Ramón Franco, estrada AC-234). A menos de dous quilómetros, atoparemos un desvío á man dereita cara Fonxe. Aquí, no medio da aldea, collemos na encrucillada cara a dereita, atopando a fonte na mesma man, saíndo do lugar (está sinalizada).
Ten asociada A Lenda da Pita de Ouro, que se pode ler nun panel situado xunto á fonte:
Unha nena atopa unha pita con pitiños, todos de ouro. A pita comentoulle á rapaza que non podía ser descuberta por un adulto, pois soen ser codiciosos. A nena visitábaos todos os días e leváballes de comer. Agradecida por non ter contado nada, a pita regálalle unha pluma, e pediulle que a escondese. Súa nai descúbrea, e a rapaza acaba contándolle a verdade. A muller vai á fonte e atopa á pita, polo que esta meteuse, cos pitiños, polo cano da fonte. A nena deuse conta do que fixera súa nai, cando viu a pluma, que deixara de ser de ouro. Agora a pitiña só bota unha pebida de ouro na noite de San Xoán, para recordar que segue aí.
Actualmente a fonte está incluída dentro da Ruta "Val do Iso" promovida polo Concello de Arzúa.


