Novas

SINATURA DE CONVENIO EN MADRID

Arzúa xa conta cun exemplar do convenio que achega 2 millóns de euros procedentes do Ministerio de Fomento para a mellora da travesía urbana

Xaquín García, Alcalde de Arzúa, regresou de Madrid despois de ser recibido polo Ministro de Fomento, o galego José Blanco, para a sinatura do convenio de colaboración entre as dúas administracións que achegará a Arzúa a cantidade de 2 millóns de euros destinados ao financiamento do proxecto de mellora da estrada nacional 547 no tramo de travesía urbana de Arzúa.

encontro Xaquín García con José Blanco No encontro entre José Blanco e Xaquín García, que tivo lugar no Ministerio de Fomento, ademais da sinatura do correspondente convenio que se comezará a facer efectivo nos vindeiros días unha vez que o Concello de Arzúa xa ten redactado o correspondente proxecto e éste xa foi autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; o Alcalde de Arzúa trasladoulle ao Ministro outra serie de cuestións que afectan ao noso municipio e que responden a peticións dos nosos veciños.

Así, a futura autovía entre Santiago e Lugo centrou boa parte da conversa entre os dous mandatarios, Xaquín García preocupouse por indicarlle a José Blanco a importancia que para Arzúa terán as conexións que se establezan dende a futura vía de alta capacidade co municipio. José Blanco amosou a súa confianza en que as obras da autovía, se ben se verán ralentizadas dados os recortes presupostarios e a grave crise económica que sufre o país, continuaranse exectuando coa máxima celeridade posible no tramo xa contratado entre Lavacolla e Arzúa. José Blanco amosou a súa preocupación por axilizar a licitación do tramo entre Arzúa e Palas de Rey, que presenta maiores dificultades ao estar á espera do correspondente informe da Xunta de Galicia.

O Alcalde de Arzúa agradeceu a boa disposición do Ministro galego quen se comprometeu a visitar Arzúa unha vez finalicen as obras de acondicionamento da travesía que implantarán unha imaxe completamente renovada e moderna a un concello que é lugar de paso do Camiño Francés e porta de entrada a Compostela.

Os dous millóns de euros que o Ministerio de Fomento destinará a esta actuación, cuxas obras serán contratadas polo Concello de Arzúa, destinaranse á remodelación da travesía coa finalidade de mellorar as condicións de seguridade vial e peonil, ao tempo que resulta convinte dignificala incluíndo a dotación de ramais de acceso á mesma.

O Concello de Arzúa proxectará e executará baixo a súa dirección as actuacións relativas ás beirarrúas, Camiño de Santiago, bordillo e outros servizos fundamentais como son o aumento da presión da auga na zona sur da travesía ou a mellora das canalizacións do saneamento. Tamén terá lugar a renovació do pavimento para cuxa execución o Ministerio de Fomento asume o compromiso de prestar a asistencia técnica necesaria.
A aportación total dos 2.000.000 de euros distribuirase en dúas anualidades, correspondendo un millón para cada unha delas.

O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, quixo agradecer públicamente a "atención recibida por parte do Ministro e o seu compromiso non só con Arzúa senón co noso país" ao tempo que indicou que "a actuación proxectada para a travesía representa, sen dúbida, unha gran noticia para Arzúa, unha actuación que requiriu de moitos trámites e de moitas negociacións ata lograr facela realidade".

Finalmente, Xaquín García, amosou a súa satisfacción ao considerar que "esta actuación proxectará unha imaxe completamente renovada de Arzúa o que favorecerá os intereses dos nosos veciños e veciñas, que constitúe o noso principal obxectivo".



« Voltar

Banner

Banner



« Portada
© 2009, CONCELLO DE ARZÚA