Novas

INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE RADIO ARZÚA

Inaugúranse as instalacións da Radio Municipal nas que se investiron 85.000 euros

Colectivos sociais, culturais e veciñais de Arzúa acompañarán ao equipo de goberno municipal e aos concelleiros da corporación no acto de inauguración oficial das novas instalacións da radio municipal que se celebrará o mércores, 28 de xullo, a partir das 20.30 horas. O acto estará presidido polo Alcalde de Arzúa, Xaquín García, e contará para a ocasión coa presenza da escritora e xornalista Rosa Aneiros que acompañará ao director da emisora, Armando Cascón, na presentación dun programa especial con motivo da inauguración dunhas instalacións modernas e dotadas con material e tecnoloxía de primeira calidade.

radio arzúa A dirección da Radio Municipal ten previsto organizar ao longo de todo o mércores unha xornada de portas abertas para que os veciños e veciñas da vila poidan achegarse ata o edificio, situado na Rúa Padre Pardo, no Centro Sociocultural María Mariño, e coñecer de primeira man as novas instalacións que contan na actualidade con dúas salas de control e dous estudos de locución xunto cunha oficina de dirección na que se inclúe un arquivo e un distribuidor central.

O acondicionamento das instalacións da radio municipal supuxo un custe de aproximadamente 85.000 euros, que se financiaron a través do denominado Plan E promovido polo Estado. A actuación permitiu o aproveitamento das zonas comúns que estaban inutilizadas no inmoble e que agora forman parte das instalacións da emisora o que permitiu aumentar considerablemente a súa superficie pasando dos 48 metros cadrados aos 74 metros actuais, o que a converte nun espazo máis amplo e funcional.

A modernización das instalacións de Radio Arzúa foi salientada polo Alcalde, Xaquín García, como unha necesidade "da sociedade moderna que ten na radio local un dos seus principais referentes á hora de informarse e entreterse". Xaquín García non quixo deixar pasar a ocasión para lembrar que un dos principais cambios que teñen acontecido na radio, xunto coas novas instalacións construídas que a converten nunha emisora de primeira calidade, "xa se produciu no ano 2003 cando entramos a gobernar e convertimos a emisora nunha radio máis participativa con acceso de todos os grupos políticos e colectivos sociais".

Ao acto de inauguración están convidados todos os veciños e veciñas de Arzúa que poderán visitar as novas instalacións ao longo do día e coñecer os pormenores da programación radiofónica a nivel local. Pedro Lucas, gaiteiro de Fuxan Os Ventos, interpretará unha peza musical para poñer o punto e final aos actos previstos.



« Voltar

Banner

Banner



« Portada
© 2009, CONCELLO DE ARZÚA