Novas

ACONDICIONAMENTO DA ESTRADA N-547 AO SEU PASO POR ARZÚA

Xaquín García asinará este xoves en Madrid un convenio que achegará 2 millóns de euros a Arzúa para o arranxo da travesía urbana

A Comisión para o debate dos orzamentos do Estado aprobou o día 4 de novembro de 2009 unha enmenda presentada polo Grupo Político do BNG, a través do Deputado Francisco Jorquera a instancias do Alcalde de Arzúa, Xaquín García, na que se solicitaba a mellora do estado da Estrada Nacional 547 ao seu paso polo núcleo urbano de Arzúa.

A enmenda que permitiu que nos orzamentos do Estado se crease unha partida de 29 millóns de euros con destino á realización de diversas infraestructuras en Galicia, contemplaba tamén a cantidade de 2 millóns de euros para a mellora deste tramo de vía urbana.

travesía arzúa Esta actuación colle agora máis forza coa sinatura do correspondente convenio que se rubricará este xoves, día 29 de xullo, no Ministerio de Fomento en Madrid. O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, desprazarase ese día ata a capital do Estado onde asinará o documento en compañía do Ministro de Fomento, o galego José Blanco, logrando facer así realidade "unha demanda de moitos dos nosos veciños xa que se trata dunha actuación que mellorará considerablemente non só a imaxe da estrada senón a seguridade da mesma e dos importantes servizos que pasan por ela como é o caso da presión da auga ou da mellora do alcantarillado".

Segundo explicaba hoxe mesmo o Alcalde "é prioritario actuar na estrada nacional 547 ao seu paso pola vila de Arzúa, dentro do casco urbano, por onde discurre en parte o camiño de Santiago, para darlle ese carácter urbano que necesita".

O propio Alcalde indicaba que esta rúa que une Santiago con Lugo, conta cun intenso tráfico, véndose incrementado, no futuro, coa posta en marcha do tramo da autovía A-54 que unirá Lavacolla con Arzúa. No momento actual ten grandes limitacións en canto a accesibilidade, seguridade e conservación se refire. Algúns dos seus tramos teñen beirarrúas moi estreitas, tendo o vial aparcamento por ambos lados e mermando considerablemente a zona peonil, coa conseguinte falla de espacio para os negocios da zona.

Xaquín García engadiu ademais que o estado actual dos bordes e beirarrúas presenta grandes deficiencias, necesitando ser actualizadas e adiantou que incluso se debería "estudiar a viabilidade de crear carrís de incorporación nalgunhas zonas".

Melloras propostas

Os 2 millóns de euros que se inclúen nos orzamentos do Estado para a mellora desta vía permitirá subsanar todas as deficiencias que presenta e incorporar unha serie de melloras que permitirán non só renovar a súa imaxe senón dotalas doutros elementos de seguridade e comodidade non só para o tráfico rodado senón tamén para o tránsito de peóns, para o percorrido dos peregríns e para dinamizar o comercio nunha vía na que se concentrar un número importante de establecementos de todo o municipio.

Entre as melloras que contempla o proxecto redactado polo Concello e que, segundo informou o Alcalde, Xaquín García, xa foi aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio, salientan as melloras en determinados servizos de abastecemento de auga potable e canalización das augas pluviais.

Xaquín García fixo especial fincapé na mellora do servizo de abastecemento da auga potable aos edificios situados na zona sur da estrada á entrada do casco urbano vindo de Lugo así como á canalización das augas pluviais dende a praza da vila ata a estrada de Santiso e resaltou ademais a mellora do saneamento nun tramo pola zona norte da estrada. Así mesmo indicou que se cambiará a tubería que conduce a auga ao polígono industrial por outra de maior diámetro para que aporte o caudal suficiente que as empresas precisan.

A actuación recolle, ademais unha eliminación de tódalas barreiras arquitectónicas, dotación de mobiliario urbano cunha clara aliñación de sinalización, árbores, farolas. Xaquín García sinalou, finalmente, que "se trata dunha noticia moi importante e satisfactoria para o futuro do noso Concello".



« Voltar

Banner

Banner



« Portada
© 2009, CONCELLO DE ARZÚA