CONCELLERÍA DE OBRAS
Arzúa inviste 320.000 euros na mellora de pistas e camiños no rural
O Goberno Municipal de Arzúa procedeu á adxudicación definitiva das obras nas que se vai investir o capital que lle corresponde dentro do Plan de Obras e Servizos 2010 promovido pola Deputación Provincial da Coruña. Arzúa dispuña para esta finalidade dun orzamento total de 383.124 euros, dos que a Deputación achega 363.967 e os restantes proveñen das arcas municipais, que serán destinados a reparar, mellorar e acondicionar as vías dos diferentes núcleos rurais do municipio tentando así "dar continuidade ao programa de mellora das infraestructuras das nosas parroquias que iniciamos dende a chegada do BNG ao goberno do Concello", sinala o Alcalde de Arzúa, Xaquín García.
O Goberno Municipal acordou adxudicar á empresa da comarca de Arzúa, Filloy, a totalidade das 19 actuacións que se contemplan no proxecto por un importe de 318.652 euros, o que representa unha baixa de 65.000 euros respecto ao prezo de licitación inicial. Todas as actuacións que se acometerán nos vindeiros meses irán destinadas a mellorar a imaxe dos diversos camiños e vías que presentan un estado de conservación máis deteriorado e que prestan servizo a un maior número de veciños. O obxectivo é mellorar as capas de rodaxe en todas elas coa previa reparación dos baches onde existan, nalgúns casos abriranse gabias e procederase á limpeza de salvagabias.
Ademais das vías rurais tamén se pavimentará a Rúa Piñeiral, na que ademais de mellorar a capa de rodaxe, contémplase a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e eixo, símbolos, cebreados e a sinalización vertical con colocación de dúas sinais de stop así como a adaptación de arquetas á nova rasante. Esta actuación terá un custe superior aos 44.000 euros.
Os camiños que se mellorarán coa finalidade de prestar un mellor servizo aos veciños e veciñas da zona do rural serán os que seguen: o que vai da Igrexa a Gosteres, na parroquia de A Mella. O Camiño de Bascuas e o Pique á estrada de Santiso, nas parroquias de Rendal e Vilantime. O Camiño de Barros e Aquelcabo, en Vilantime. Os accesos ao lugar de Filgueira, na parroquia de Vilantime e o camiño de Pousada en Pantiñobre. Tamén se reparará o camiño de Carral a Retorno, en Branzá; o camiño da Igrexa a Tronceda a Nova e o camiño que vai da Estrada Nacional 547 a Cortobe, en Burres. Tamén se reparará o camiño de acceso ás Quintas, en Burres, así como o camiño da Codeseira a Sebio, en San Martiño, outro que vai do Orxal a Pumar, en Oíns, onde tamén se acondicionará a vía que conduce de Fruzo a Lanzá. Efectuaranse outras actuacións no camiño que conduce de Seixas aos Muíños, en Oíns; onde tamén se actuará no camiño que vai de Ferradal ás Calles. Finalmente procederase a acondicionar o camiño das Quintas, en San Estevo do Campo e o camiño do muíño de Bosende, na parroquia de Santa María.
O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, aludía á boa xestión económica desenvolta nestes últimos anos no Concello grazas á cal "é posible acometer todas estas actuacións, evitando destinar parte deste capital a gastos correntes e podendo investilo na súa totalidade na acometida de obras importantes e necesarias para a efectiva prestación de servizos aos nosos veciños e veciñas".
Os 65.000 euros que se conseguiron nas baixas serán destinados polo Goberno Municipal ao acondicionamento de varias pistas do rural; será no adecentamento dos camiños no lugar de Casanova, en Viñós, e noutro en Trasbar, Dombodán. Tamén se acondicionará o camiño da Fraga Alta, na Castañeda e o camiño do Cruceiro en Burres. Están propostos para a súa mellora os camiños do Pumariño, na Castañeda e a vía que conduce dende a Estrada Nacional 547 ao lugar de Río nesta mesma parroquia.
Todas estas actuacións, sinalaba o Alcalde, representan "un esforzo e un compromiso do noso goberno por mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural e que merecen dispor duns servizos con garantías e de calidade".
« Voltar