SANEAMENTO NA PARROQUIA DE LEMA
O Goberno Municipal inviste 140.000 euros nas obras de mellora do saneamento en Lema
Acaban de dar comezo en Arzúa as obras de mellora da rede de saneamento na parroquia de Lema, unha actuación promovida polo goberno municipal para o seu financiamento a través do segundo Plan E proxectado polo Estado.
A actuación pretende mellorar a canalización deste servizo no lugar de Magolán – Estrada de Lema, na aldea de Barros e na propia zona de Lema de Arriba. O obxectivo é mellorar e nalgún caso implantar este servizo nunha zona moi próxima ao casco urbano e na que se fai moi urxente contar con esta prestación básica de cara a garantir unha calidade de vida aos veciños do lugar.
A finalidade desta actuación, no seu primeiro tramo, é evitar o desbordamento do colector na zona de Magolán e na aldea de Barros (parroquia de Lema) metendo unha nova rede de saneamento. No outro tramo está previsto ofrecer este mesmo servicio para as vivendas de Lema de Arriba. Estas dúas actuacións ás que se fai referencia, encóntranse moi próximas ao núcleo urbano de Arzúa, polo que se considera esta actuación de extrema necesidade. Este proxecto ten un custe de 139.344, 20 euros.
É a empresa Filloy quen se encargará durante os vindeiros meses de materializar unha actuación que rematará cos desbordamentos que se producían e cos malos olores, evitando así que os vertidos desemboquen directamente ao río, causando un irreparable dano medioambiental, xa que agora serán conducidos directamente á nova depuradora, construída na propia parroquia de Lema coas garantías precisas e coas tecnoloxías máis avanzadas.
O Alcalde de Arzúa, Xaquín García, explicaba que a actuación comprende, en concreto, " a canalización das augas residuais dende a cooperativa e baixando ata o cruce coa estrada de Santiso para evitar o desbordamento das augas fecais nas aldeas de Barros e Magulán e conducíndoa directamente á depuradora". Xaquín García salientou, ademais, o grande esforzo do seu goberno "na proxección de iniciativas que buscan, ante todo, facer realidade servizos imprescindibles e de primeira necesidade para os nosos veciños como é o caso da mellora dos servizos de saneamento e abastecemento de auga, onde centramos os nosos esforzos".
« Voltar